Friday 26 de April de 2024

Unha trintena dos maiores que participan nos Obradoiros da Memoria de Lousame celebraron unha festa de fin de curso


Unha trintena de maiores participou onte mércores na festa de fin de curso dos Obradoiros da Memoria do Concello de Lousame 2021-2022. Unha festa que tivo lugar nas instalacións do club de xubilados de Aldeagrande e na que estiveron acompañados pola alcaldes de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo.

Teresa Villaverde e Silvia Agrafojo entregaron cadanseu diploma acreditativo ás persoas participantes nos obradoiros e instáronas a seguir participando nas distintas actividades para adultos que se organizan no Concello de Lousame e a convidar aos seus veciños e veciñas a sumarse a elas, sobre todo despois dunha pandemia sanitaria que fixo que moitas persoas maiores continúen sen saír da casa.

Tras a merenda, o grupo O Son do Pote tocou algunhas pezas no exterior do club e non foron poucas as persoas que se animaron a botar unhas bailas, incluídas as recén chegadas Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas, as dúas voluntarias turcas que participan no programa de Voluntariado Europeo e que comezan a colaborar nas actividades que desenvolve o Concello de Lousame.